Tradutor
Servizos de tradución
O meu traballo está centrado sobre todo nos idiomas inglés, alemán, español, galego e portugués, coas combinacións que sexan necesarias para cada proxecto en concreto.
Todo tipo de textos
Desde unha receita de cociña a un manual de instrucións, calquera clase de texto é susceptíbel de precisar dunha tradución. Teño ampla experiencia en tradución de artigos de investigación, tradución literaria e para os servizos públicos, mais tamén manexo textos de ámbito xurídico, económico ou técnico-científico.
Os servizos lingüísticos que ofrezo sempre se van poder adaptar ás necesidades de cada cliente e cada proxecto. Non dubide en contactar comigo para a tradución de calquera tipoloxía textual, como artigos xornalísticos, catálogos, manuais, relatos, poemas, cartas, certificados, entrevistas…
Audiovisual e subtitulación
Traballo habitualmente con produtos audiovisuais, tanto para dobraxe e voces superpostas como para subtitulación. As miñas traducións abranxen diversos xéneros, como series de televisión, documentarios, programas de entretemento ou deseños animados e xa se emitiron en canles de ámbito galego, español e internacional, como Netflix, Amazon Prime Video, ClanTV, Historia, DeCasa, MTV ou Nickelodeon, entre outras.
Os servizos de subtitulación poden incluír a tradución de subtítulos xa feitos, a elaboración de subtítulos propios ou a transcrición dun audio en subtítulos nunha mesma lingua.
Revisión de textos
A revisión e corrección de textos é un traballo que moitas veces se subestima e que até se pasa por alto. Sempre recomendo aos meus clientes que soliciten unha revisión dos seus textos, xa sexan traducidos doutra lingua ou orixinais, pois quen traballa a diario con todo tipo de textos é máis indicado para asegurar que un determinado texto manteña a coherencia, cohesión e corrección que se lle supón.
Ademais, se necesita mellorar a redacción, o estilo ou a corrección gramatical e lingüística dun texto, podo axudalo neses labores, favorecendo que poida optimizar o tempo que dedica a cada texto ou proxecto.
Software e webs
A localización dun sitio web non é un traballo simplemente lingüístico, senón que abranxe tamén factores culturais e técnicos que cómpre ter en conta. Os servizos que ofrezo son de carácter integral e proporcionarán unha versión do seu web totalmente adaptada aos destinatarios que vostede precise
Tamén estou especializado na localización de software e o manexo das ferramentas que se necesitan para tales efectos. Contacte comigo para traducir o seu proxecto, desde unha aplicación telefónica até un programa de computador.
Orzamentos e encomendas
Se desexa solicitar un orzamento personalizado para o seu proxecto, realizar unha encomenda ou resolver calquera tipo de dúbida sobre os servizos de tradución que ofrezo, non dubide en contactar comigo.