
Ananke (2016)
Ananke era a deusa grega do destino no mundo mitolóxico da antiga Grecia. Esta deidade aparece, desde o seu inicio, vinculada a Chronos, o seu compañeiro, de modo que, en certa medida, ten que ver co paso do tempo, co decorrer da Historia que non se pode deter, é o inevitábel. Foi reconvertida ao mundo romano co nome de Necessitas, o reflexo de todo aquilo que, segundo a óptica da época, tiña que acontecer por mandato divino, como as fatalidades e as partes máis amargas da vida. Esta obra, para ensemble (fr., cl., vln., vc., pno., perc.) e electrónica, inspírase en todos estes conceptos que rodean á personaxe e que serviron de base a filósofos e pensadores desde a Antigüidade ao mundo de hoxe.